martes, 24 de enero de 2017

BIBLIOTECA ESCOLAR, TERRITORIO DAS ARTES: PINTURA RIMA CON LECTURA




“Diríase que a arte xurdeu coma un poldro que se bota a andar nada máis nacer”.
                                                                                   John Berger

Conta John Berger nun escrito titulado Le Pont d’Arc, unha visita que realiza á cova de Chauvet onde se conservan as pinturas sobre rocha máis antigas que se coñecen. Alí, entre pegadas de pigmento de óxido vermello e trazos de carbón vexetal negro, na escuridade da cova, fai o autor esta luminosa reflexión sobre o nacemento da arte.
Algúns milenios despois das primeiras pinturas rupestres, queremos no noso centro adicar á pintura o proxecto de investigación coordinado desde a biblioteca escolar.
PINTURA RIMA CON LECTURA, así que teremos que aprender a ler nos cadros, a manexar libros sobre pintura, a buscar información na rede. Teremos que poñer os pinceis a remollo e facer trazos e mesturas. Veremos que pasa. Investigaremos. Quen sabe o que pode xurdir no proceso; quizais o único que non fagamos sexa pintar nos libros.
Nós o que queremos é estar nese camiño do poldro que se bota a andar nada máis nacer.